Recursos naturais
Custodiada por altas montañas, Valdeorras é pura minería. Disque aquí se atopaba o antigo Val do Ouro, de aí o nome da rexión, explotada polos romanos; outros falan da exportación do “ouro negro”, o volframio, importantísimo durante a II Guerra Mundial; ou da actual industria da lousa.

Natureza en estado puro
O certo é que na comarca respírase aire puro. Con infinitas grutas nas que habitan morcegos e onde crece unha paisaxe insólitamente do mediterráneo, o Parque Natural de Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) conta cun centro de interpretación. É o lugar perfecto para sendeiristas que buscan calidade de vida.
Pola súa banda, Pena Trevinca (A Veiga) coroa estas terras co pico máis alto de Galicia, 2.127 metros de altitude e un espazo natural protexido de tipo subalpino practicamente virxe, cun hotel en Fonte da Cova e un punto de información, un reino xeado rodeado polas misteriosas lagoas glaciares da Serpe e Ocelo.
A historia converteuse en lenda; a lenda, en mito
Entre tanta beleza, unha serpe xigante reside baixo o xeo, que se deixa ver as noites de lúa chea. E o misticismo continúa na Cántara da Moura, pulmón verde de conto de fadas onde, di a lenda, habitaba unha moura, unha fermosa muller de cabelos dourados que convertía en pedra aos malévolos merodeadores.
Tampouco podes perder o Teixadal de Casaio (Carballeda), considerado o bosque galego máis lonxevo, unha reliquia natural en Europa formada por máis de 400 exemplares de teixos. Foi agocho para os maquis durante a Guerra Civil Española, e testemuña dos últimos defensores celtas da Gallaecia fronte a Roma.
Para un bo mergullo
A opción perfecta neste concello nun día de verán é refrescarse nas súas piscinas naturalizadas, un verdadeiro remanso de paz. Ou se che gusta practicar deporte náutico, o Encoro de San Martiño (A Rúa) é o teu sitio. Este humidal alberga ata 600 especies de aves, polo que ten un gran valor ornitolóxico.
Recomendámosche ir de picnic xunto ao encoro, na Área Recreativa do Aguillón, que conta con zonas de lecer e aparcamento para autocaravanas, ou o do Bañadoiro (Vilamartín). Tamén é unha boa opción achegarse ata o Malecón (O Barco), para percorrer parte da ribeira do río Sil e tomarse algo.