Patrimonio cultural
Valdeorras foi escenario de grandes sucesos que deixaron pegada. E é que o pasado xace aquí. Cultura castrexa. A influencia de Roma. Señoríos medievais. O abrazo ao cristianismo. Invasións francesas. Séculos de historia!

O legado dos gigurros
Basta cun paseo para darse conta do paso do tempo na comarca. A cultura do viño valdeorrense data de moitos séculos atrás, destacando os lagares rupestres das Penelas e As Pedreiras (Larouco), estruturas pétreas dedicadas ao pisado da uva nas que este pobo galaico-astur produciu as primeiras barricas da moderna D.O.
Tamén na mesma zona, os amantes da arqueoloxía poden gozar dos castros do Castrillón e Cabanelas. Estes asentamentos de máis de 2.000 anos no alto dos outeiros serviron, no seu momento, como punto defensivo, con grosas murallas e profundos fosos que protexían a locais dos forasteiros.
A influencia de Roma en Valdeorras
A romanización trouxo consigo a calzada Vía Nova, que unía Braga e Astorga, facilitando a exportación do ouro dos vales, ademais de numerosos vestixios: a Ponte da Cigarrosa, que une A Rúa con Petín, e a Ponte de Éntoma, que forma parte do Camiño de Inverno ao seu paso polo Barco. Imprescindibles de ver.
Reis e vasallos da vide
Coa chegada do feudalismo, certas casas pasaron a rexer o territorio, e con iso levantaron emprazamentos como a Torre e Fortaleza do Castro na capital, ou o Castelo do Bolo, destruídos nas revoltas irmandiñas e o fin do antigo réxime, ata a súa reconstrución e rehabilitación como espazos de divulgación.
Nos arredores, as xentes do lugar foron construíndo a súa vida, protexidos polo seu señor a cambio do fisco. Os centros históricos de Petín e A Rúa son a proba de que houbo unha mestizaxe cultural dende a antigüidade, reflectido nas súas rúas empedradas e casas balconadas con moita heráldica.
Desenvolvemento da comarca
Co epicentro relixioso no Santuario da Nosa Señora das Ermidas e os seus muíños homónimos, a construción de novas pontes permitiu a chegada de máis comerciantes e peregrinos: Portomourisco e Sobradelo, auténticos escenarios de cinema durante a loita contra os franceses.