Contacto
Enderezo postal
Coordenadas GPS
Horario
Entrada
Teléfono
Enderezo electrónico
Con máis de 3.100 hectáreas de superficie, e encaixado nos vales do río Sil, este espazo na zona oriental da comarca de Valdeorras representa o mediterráneo en Galicia. Foi declarado Parque Natural en 2002 e toma o seu nome da aciñeira, unha árbore típica do levante. Destacan os seus cumes de roca calcaria, que son unha rareza na paisaxe galega, caracterizado polo granito.
Conta con 10 roteiros de sendeirismo que levan a incribles paraxes, onde destacan as súas innumerables grutas, máis de 200 censadas, polo que resulta un espazo ideal para a práctica da espeleoloxía. Outra das singularidades deste enclave é a singularidade da súa flora, destacando os bosques de aciñeiras, castiñeiros, prados cheos de tomiño silvestre e máis de 25 especies de orquídeas. En canto á fauna, o parque é un refuxio ornitolóxico, concentrando o maior número de aves nidificantes de Galicia. Nas covas pódense atopar grandes colonias de morcegos.
A Serra da Enciña da Lastra pode percorrerse tanto en coche -está atravesada pola N-120 entre Ponferrada e Ourense e bordeado cara ao norte pola estrada comarcal OU-622- como a pé -a través dos seus variados carreiros-. Unha oportunidade para mergullarse nunha contorna natural de excepción.