Enogastronomía
Valdeorras ten cultura vitivinícola de antes dos romanos. Os ríos Bibei, Xares e Sil regan dende outrora unha paisaxe encantada de vales e canóns. O chan fértil foi moldeado en terrazas para o cultivo da vide, auténtica protagonista desta historia do viño de D.O. Valdeorras, a segunda máis antiga de Galicia.

Saborea o territorio
Godello e Mencía reinan nesta terra de microclima mediterráneo-oceánico. Coñece as covas, adegas subterráneas escavadas na pedra, cámaras de refrixeración natural nas que, durante décadas, elaborouse e conservou o viño local.
As covas de Seadur e Vilamartín son un exemplo desta arquitectura tan singular, hoxe restaurada, onde o noso produto goza de temperatura e humidade idóneas para a súa perfecta almacenaxe. Podes completar esta experiencia coa Ruta Romana do Viño visitando os lagares das Penelas e As Pedreiras.
Festa rachada
Se es de bo comer, o ano gastronómico galego sempre empeza na comarca coa Festa do Botelo (O Barco) e a Festa do Codillo (A Rúa). Séguenlle as citas da Vitela (O Bolo) en Pascua, a do Cordeiro (Larouco) en abril e pechan o calendario a Freba (Petín) e a Matanza (Rubiá).
Pero se hai unha celebración que merece mención aparte é a Festa das Covas de Seadur, en abril; e a Festa das Covas de Vilamartín, en agosto. Estas estruturas de gran valor etnolóxico convértense en auténticos templos dedicados a Dionisio, deus do viño, con catas de brancos e tintos de D.O., acompañados de boas tapas e música tradicional.




