Benvido viaxeir@. Se estás a pensar en visitarnos, debes saber que acaba de comezar a mellor época para facelo. E é que entre primavera e outono é cando Valdeorras está no seu máximo esplendor. Así que colle o teu coche, un tren ou o autobús á comarca, agora que as choivas dan unha tregua e o sol saúda impoñéndose sobre a paisaxe cuberta da vide.
Iso si, estando rodeados de vales e montañas, nos confines de Galicia lindando co Bierzo, a uns 500 metros sobre o nivel do mar, aí vai o noso primeiro consello: é preferible que te traias roupa cómoda e flexible (e un bo calzado) para poder quitala por capas segundo a actividade que fagas no día. O tempo, ás veces, é imprevisible.
Os nosos imprescindibles
Non te preocupes se non sabes por onde empezar. Temos preparado un Starter Pack para iniciados en Valdeorras, un percorrido polos 10 lugares que non poden fallar na túa visita ao noso territorio, porque queremos que vivas a túa experiencia ao máximo nesta primeira estancia. Estamos seguros de que te vai encantar. Colle papel e lapis. Non te pode fallar…
- Pasear polo Malecón do Barco
- Visitar o Santuario da Nosa Señora das Ermidas no Bolo
- Darse un mergullo nas piscinas naturalizadas de Carballeda
- Degustar viños nas Covas de Seadur en Larouco
- Perderse polas rúas de Petín
- Admirar a natureza do Encoro de San Martiño na Rúa
- Percorrer o Parque Natural de Serra da Enciña da Lastra en Rubiá
- Tocar o ceo e avistar as estrelas de Pena Trevinca na Veiga
- Coñecer as aldeas con encanto de Córgomo e Cernego en Vilamartín
- Gozar dos miradoiros e panorámicas de toda a comarca
Planifica con antelación
Para gozar dunha viaxe completa, non te esquezas reservar en calquera dos aloxamentos e restaurantes que dispoñes. Descansa e degusta Valdeorras ao teu ritmo con propostas accesibles e exquisitas para todos os públicos. E lembra… Todo sabe mellor cun viño da nosa DO. A perfecta harmonización para pechar a túa primeira aventura connosco.
Se despois de todo isto aínda quédante enerxías, tes que saber que Valdeorras é infinita. Coma sempre hai algo que facer aquí, invitámosche a manterte conectado na nosa páxina e a seguirnos en redes sociais para coñecer todos os segredos de #DestinoValdeorras e preparar a túa seguinte expedición polas #TerrasQueSaben. Atréveste?